miércoles, 1 de agosto de 2012

«Síntome carballés e pai das xeracións sacerdotais»

O cura séntese agradecido pola acollida que tivo na vila e destaca que o que máis lle emociona e ver a solidariedade

01 de agosto de 2012

José García Gondar (1942), natural da parroquia de Oca, en A Estrada, cumpre hoxe corenta anos como párroco na igrexa de San Xoán Bautista de Carballo. Chegou á localidade cando as cousas eran ben distintas, por iso, para el o imprescindible é mirar cara diante e ir abrindo portas na vida, aplicando sempre unha mirada positiva a todo.

-¿Como era Carballo cando vostede chegou?
-Era moito máis pequeno, case un bosque. A zona de San Martiño, San Cristovo, mesmo o lugar onde se atopa o igrexario estaba todo con herba. Vin medrar Carballo, que pasou de ser unha vila pequena a unha cidade.

-¿Que outras cousas cambiaron dende os anos setenta?

-Houbo unha evolución do sistema educativo. Cando cheguei só estaba o Alfredo Brañas e logo comezouse a construír o Bergantiños, o Monte Neme, o Parga Pondal... Fíxose un gran labor de escolarización cos rapaces de zonas marxinais. Ademais, a igrexa estaba pechada e os actos litúrxicos facíanse nun salón, por iso penso que nestes anos se fixo unha misión importante de construción da igrexa e non só do edificio, senón tamén da comunidade relixiosa.

-¿Que ten Carballo de especial para que se quedase tantos anos como párroco?

-Eu dígolle a todos os peregrinos que somos moi boa xente a pesar da mala fama que nos poñen. Eu síntome un carballés máis, tiven boa acollida e tamén me sinto pai das xeracións sacerdotais. Non cambiaría Carballo por ningún lugar. Ademais atopeime cunha comunidade moi solidaria e os voluntarios de Cáritas fan un gran labor, sobre todo nestes duros tempos de crise.

-¿Pensa xubilarse aquí?
-Si, estarei aquí ata que poda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario